Son Breixo Mariño, creador de Pidopapas. Cando as miñas fillas eran pequenas, buscaba pasatempos en galego para xogar con elas na casa. Atopaba tan poucos que acabei facéndoos eu. Quería que o galego tamén estivese neses ratos nos que nos sentabamos xuntos a xogar.
Na impresora da casa
Aprendín a facer sopas de letras seguindo titoriais de YouTube. Imprimíaas na casa, unha folla cada vez. As miñas fillas, en canto acababan unha, xa me pedían outra. Así fun facendo máis, ao ritmo que elas mas ían pedindo.
As follas acabaron nas mans dos meus sobriños, de amigos e doutras familias. A miña cuñada e varios amigos animáronme a xuntalas nun libro para que puidesen chegar a máis xente.

Das follas soltas ás librarías
En maio de 2024 publiquei o primeiro libro. Na Semana das Letras Galegas chegou ao número un de libros en galego en Amazon. Despois viñeron os cadernos para distintas idades e as primeiras librarías que os puxeron nos seus andeis.
Eu seguía traballando nunha empresa de Vigo. Facía medrar Pidopapas nas horas que me quedaban libres.

O día que decidín vivir disto
No outono de 2025 deixei o emprego no que levaba case oito anos. Renunciar á seguridade dun soldo fixo foi a parte máis difícil. Quería dedicarlles tempo aos xogos e levalos a sitios aos que xa non chegaba nas horas libres.
Desde aquelas primeiras follas, Pidopapas suma case 9.000 exemplares impresos e está presente en máis de 100 librarías galegas.

Colaboracións e referencias

COLABORACIÓN EDITORIAL
Enigmas en O Papagaio
Desde outubro de 2026, Pidopapas crea enigmas para O Papagaio, con ilustracións de Julia Lago. As primeiras aventuras lévannos á illa de Ons e á Torre de Hércules.
UN CADERNO CREADO EN CONXUNTO
Con Galego para Peques
Un caderno de actividades en galego para 4 anos, feito entre os dous proxectos.
DOCES COLABORACIÓNS
Pidopapas con Quinteiro Doce
Quinteiro Doce incluíu os pasatempos en galego de Pidopapas nas súas caixas de galletas do Samaín.
Por que sigo facendo xogos en galego
Agora tamén levo enigmas e obradoiros aos centros educativos e preparo xincanas, como a do Alén, na que os comercios de Cangas acolleron probas e pistas. Tamén me sorprendeu que persoas maiores atopasen un bo rato de lecer nas sopas de letras.
Sigo coa mesma idea que cando imprimía unha folla para as peques. Quero que en galego tamén se poida escoller un xogo, pedir unha pista, rir cando nos trabucamos e quedar con ganas de xogar outra vez.
