Que ben o pasamos nesta primeira edición da Xincana do Alén!
Do 27 ao 31 de outubro de 2025, o centro de Cangas converteuse nunha escape room ao aire libre.
A misión? Descubrir os ritos que nos permiten librarnos da Santa Compaña.
Un Samaín diferente en Cangas
Cando comecei (coa axuda de Amanda) a preparar esta aventura, queriamos ofrecer unha maneira diferente de celebrar o Samaín: recuperar as nosas lendas e tradicións a través do xogo, percorrer as rúas da vila e implicar o comercio local.
Durante cinco días, pequenos e maiores tiveron que resolver enigmas, descifrar mensaxes e superar diferentes probas repartidas polos comercios de Cangas.
E todo en galego, de balde e compartindo tempo en familia.
Unha experiencia para repetir
Pasámolo xenial! Foi unha alegría ver tantas familias percorrendo as rúas de Cangas, buscando pistas, abrindo cadeados e intentando resolver os misterios da Santa Compaña.
Quero agradecer a participación dos comercios e de todas as persoas que fixeron posible esta aventura.
Quedo con moitas ganas de repetir e de seguir creando experiencias nas que o xogo, o galego e as nosas tradicións sexan protagonistas.
E lembra: se ves luces raras… non mires atrás. 😉

A aventura continuou ao ano seguinte: así foi a Xincana do Alén de 2026 nos comercios de Cangas.
