As vacacións de verán deixan máis tempo libre, pero tamén momentos nos que custa atopar algo que facer. Un caderno de actividades en galego pode ser unha alternativa sinxela ás pantallas para as mañás na casa, as viaxes ou esas tardes nas que a rapazada busca un novo entretemento.
75 actividades variadas para o verán
Renovei o antigo libro de sopas de letras e convertino no Caderno de actividades do Verán de Pidopapas. Agora reúne 75 actividades diferentes para nenos e nenas a partir de 9 anos.
Inclúe sopas de letras, busca as diferenzas, actividades para pintar por números, xogos de observación, vocabulario relacionado coa praia e códigos secretos. Todo en galego e pensado para resolver con lapis e papel.
Ideas para os momentos de lecer
Un caderno deste tipo pode acompañar a rapazada nunha viaxe, nun restaurante, na casa dos avós ou nunha tarde tranquila. As actividades ofrecen variedade sen necesitar dispositivos electrónicos nin preparar materiais especiais.
Non se trata de encher todas as horas de actividades, senón de ter á man unha proposta que permita xogar, observar, concentrarse e manter o galego presente tamén nas vacacións.
Onde conseguir o Caderno do Verán
O caderno está pensado para nenos e nenas a partir de 9 anos e pódese conseguir en librarías. Tamén podes consultar o Caderno de actividades do Verán na web de Pidopapas para coñecer o seu contido.


