← Volver ao blog

Unha mestra de Valga escolleu os pasatempos de Pidopapas para 2º de Primaria

Hai mensaxes que chegan sen avisar e que, sen ser longas, deixan pegada.

En xullo de 2025 recibín unha que dicía:

«Boas, Breixo 😊 Só che escribimos para contarche que unha clienta que é profe nun cole de Valga quedou encantada cos pasatempos, e o próximo curso incluíu o pidopapas 7-8 entre o material de 2º de primaria.»

E quedei impresionado, para que negalo.

Porque cando comecei cos libros de pasatempos en galego, nunca pensei que algo así podía ocorrer. Pensaba que para entrar como material dun curso habería mil protocolos e papeleos.

Pero aí están.

Porque unha mestra decidiu que si. Porque lle pareceron útiles, divertidos e en galego.

E iso, para min, vale ouro.

Non por vender máis (que tamén se agradece), senón porque é unha forma de ver que o que fas chega a onde importa.

Tres libros de sopas de letras en galego de Pidopapas expostos nun andel.

Non sei se isto pasará noutras aulas, noutras vilas ou noutros coles… Pero a posibilidade está aí, e iso xa me parece marabilloso.

Hai algo moi bonito nisto: que unha mestra, coa súa mirada e criterio, vexa valor no que fas. Moitas grazas!

Mentres tanto, eu sigo creando… e lendo mensaxes que me fan sorrir coma esta.