Hai uns anos eu só quería crear xogos en galego para as miñas fillas.
Escape rooms feitas con papel, pistas por toda a casa e sopas de letras cheas de animais, bruxas e palabras que nos facían rir.
O curioso é que nunca pensei que iso acabaría levando tan lonxe.
Da casa ao Culturgal
En novembro de 2025 chegou unha desas novidades que me facían especial ilusión: a oportunidade de compartir esa historia no Culturgal, nunha charla titulada «Un día púxenme a xogar coas miñas fillas e… mira ti, agora estou no Culturgal!».
A charla estaba programada para o venres 28 de novembro de 2025, ás 18:00, no Teatriño. Este foi o cartel co que a anunciei:

E se algún día imprimiches un xogo, regalaches unha sopa de letras ou resolviches unha escape room, quería dicirche grazas por formar parte dese camiño.
Porque Pidopapas non é só unha idea miña. É unha comunidade de xente que cre que o galego é unha lingua na que vivir, xogar, rir e medrar.
