← Volver ao blog

«Son de mala calidade e caros»: o que aprendín dunha libraría

En xullo de 2025 unha libraría escribiume algo que me deixou tocado:

«Teñen un problema, son de bastante mala calidade e moi caros.»

Zasca! Sen anestesia.

E logo explicou:

«Soamente ten plastificada a portada o dos nenos de 9 anos… os outros vense inferiores, sobre todo polo coste.»

Teño que recoñecer que o comentario me fixo pensar: se un libro parece pobre por fóra, por moi bo que sexa por dentro, vende menos.

Brillo ou mate?

Daquela decidín cambiar o acabado das portadas e pedín axuda para escoller entre dúas opcións: un acabado brillante ou un mate, máis suave e de aspecto editorial clásico.

Dous libros de sopas de letras en galego, un para maiores de 9 anos e outro para adultos, colocados lado a lado.

Si, xa sei que na foto pouco se aprecia. A cuestión era o acabado da portada, non o interior dos libros.

Agradezo moito que me digades o que pensades dos meus libros.

Ás veces toca aprender de acabados industriais, ademais de deseñar portadas e crear pasatempos.

Actualizo: ao final a gañadora foi a opción de acabado con brillo.