← Volver ao blog

A euforia de buscar tesouros pola casa adiante: unha idea para o día de Reis

Un dos recordos que máis atesouro é dun día de Reis.

Levanteime ben cedo e vin que baixo a árbore de Nadal non había agasallos, senón un folio que indicaba que, por algún motivo, para conseguilos había que percorrer todos os recunchos do piso guiados por pistas que foran deixando «os Reis».

E alí fomos o meu irmán máis eu.

Non me lembro exactamente de como eran as pistas.

Tampouco me lembro de cantos anos tiña.

Nin sequera me lembro dos agasallos que tivera ese ano.

Pero o recordo de estar correndo dun lado ao outro do piso, a euforia de ir atopando pistas e agasallos repartidos por todos os recunchos… iso non se me esquecerá nunca.

Unha busca do tesouro para repartir os agasallos de Nadal ou Reis

Se non che deu a virada de preparar o calendario de Advento, tamén podes facer unha versión máis concentrada o día 25 de decembro ou o día de Reis, cando sexa que deades os agasallos.

En decembro de 2024 propuxen aproveitar os enigmas da aventura do Trasno Traste para preparar unha busca do tesouro pola casa en poucos minutos:

  • 24 enigmas para nenos entre 4 e 14 anos.
  • 24 lugares comúns que hai na maioría das casas, para que non te teñas que romper a cabeza.
Fichas impresas con enigmas e pistas dunha busca do tesouro do Nadal, espalladas sobre unha mesa.

Trasno Traste quere emular o seu amigo Grinch e fastidiar o Nadal. Os nenos e nenas terán que resolver os enigmas para atopar os agasallos repartidos pola casa.

Se che apetece preparar algo semellante, consulta as aventuras de Advento de Pidopapas.